O Concello de San Xoán de Río vén de expresar, a través dunha nota de prensa, o seu “máis sincero agradecemento pola recepción de seis palés de alimento para animais, destinados a atender as necesidades xeradas polos incendios que afectaron ao noso entorno e a diversos municipios veciños. Aínda que San Xoán de Río non sufriu directamente os efectos máis devastadores do lume, esta circunstancia permitiu que o municipio actuase como punto estratéxico de recepción e distribución inmediata da axuda, facilitando que os alimentos chegasen con rapidez tanto a protectoras de animais como a persoas particulares nas zonas máis afectadas”.
Esta importante acción solidaria foi posible, segundo indica o Concello, “grazas á xestión e ao firme compromiso de Erika von Berliner Espinosa de los Monteros, quen desempeñou un papel clave na procura e coordinación dos recursos. Conta cunha ampla traxectoria en iniciativas de axuda social e humanitaria, tanto a nivel estatal como internacional, destacando a súa implicación no apoio ás persoas afectadas pola guerra de Ucraína”.
Nesta ocasión, traballou novamente en colaboración coa Fundación Sesé, entidade que xa contribuíra con importantes achegas económicas en accións humanitarias como a DINA de Valencia, así como con Belén Marrón, coa que mantivo unha estreita colaboración naquela emerxencia e quen a convidou a integrarse no grupo “Axuda afectados incendios”.
O Concello de San Xoán de Río quere tamén recoñecer de maneira especial o labor da Asociación Sonrisas, “cuxa implicación resultou fundamental para facer realidade esta doazón solidaria. Así mesmo, cómpre destacar a colaboración dos gandeiros da zona, que participaron activamente nas tarefas de loxística e distribución, demostrando unha vez máis a capacidade de resposta, a unidade e o espírito solidario do rural ante situacións de emerxencia. San Xoán de Río volve dar exemplo de compromiso co territorio, actuando como ponte de solidariedade entre quen axuda e quen máis o precisa”.


